Saturday 18 de May de 2024

Fabiola García insta a darlle a volta á discriminación na conmemoración do Día da Parálise Cerebral


Destaca o traballo conxunto coas entidades para ofrecer cada vez máis e mellores recursos a estas persoas e as súas familias

A conselleira de Política Social, Fabiola García, instou esta mañá a darlle a volta á discriminación, á exclusión e aos obstáculos que aínda se atopan a día de hoxe as persoas con parálise cerebral. Díxoo nos actos organizados por Aspace Coruña polo Día da Parálise Cerebral, aos que se sumaron ao redor dun centenar de persoas, entre usuarios da entidade, familiares e escolares de primaria e secundaria.

Fabiola García defendeu o traballo conxunto co tecido asociativo para ofrecer cada vez máis e mellores recursos para estas persoas e as súas familias. Neste sentido, gabou o labor que realizan diariamente e a pé de rúa entidades como Aspace, que fai máis doada a vida de moitas persoas e familias.

Aspace utiliza neste Día da Parálise Cerebral a lenda Dálle a volta para reivindicar os dereitos e a igualdade destas persoas. Durante os actos celebrados esta mañá en Arteixo leuse un manifesto e os participantes deixaron as súas mensaxes de apoio ás persoas nesta situación na que denominaron a Árbore dos Desexos.